Sexta-feira, Dezembro 05, 2008

Andiamo a Ercolano

O tren que fai a Vía Circumvesuviana parece da posguerra. Os asentos destrózanche o cu, morres co calor e os vagóns menéanse como para facer maionesa.
Os napolitanos collen esta liña para ir á praia a Positano e Sorrento. Co calor que facía eu tamén pensei nun momento en cambiar o plan e tirarme ao mar. Pero non me durou o propósito.
Nós queríamos cultura ainda que fora ao precio de cocernos os sesos baixo o sol indecente da Campania.

Herculano está a só vinte minutos en tren desde Nápoles. É posiblemente a cidade mellor conservada do seu tempo. Ainda así, a erupción do condenado Vesuvio do ano 79 deixouna feita un trapo. Metros e metros de barro enterraron a cidade enteira. E crearon unha nova liña de costa: antes Herculano era un porto. Agora o mar está a medio kilómetro.
Na foto pódese ver o Vesuvio ao lonxe. Tan bonito. Tan perigoso. Porque o bicho está vivo, e calquer día lles dá un susto aos comedores de pasta.

Piccola macchina alla porta della casa

E agora, a pregunta do millón. Este cochiño, ¿como chegou aquí e como pensa sair?
¿Ou será que a barra de ferro no medio e medio da rúa é de quita e pon?

La Virgine!!

Esta é unha desas fornelas de devoción que tanto abondan no Barrio Español. Cando morren, os napolitanos van ao ceo fixo, porque teñen no bote a todo o Santoral.

(Coe, repara na forneliña inferior: xa ves que todos os santos italianos están amparados pola luz do neón)

Nápoles, Quartieri Spagnoli


O Barrio Español conserva o trazado en cuadrícula orixinal do século XVI. A maioría dos edificios do barrio resisten ao seu quebranto a base de parches do máis variado estilo: uns azulexos por aquí, un miniporche de uralita plástica por alá, unha cancela de aluminio por acolá...En conxunto, un compacto deseño de supervivencia onde ningún material é innoble.
Din que é perigoso, pero o que nós vimos alí no atardecer do noso primeiro día napolitano foron portas abertas a cociñas atarefadas, roupa tendida, virxes e santos en fornelos por todas as esquinas, e napolitanos en camiseta. E motos, moitas motos, con un, dous, tres e ate catro pasaxeiros, galopando traballosamente polas ruelas. E coches que pasan a toda mecha e pitan nos cruces, porque loxicamente por moi estreita que sexa unha rúa, en Nápoles nunca pode ser de dirección única.

A aventura do tráfico napolitano

Os napolitanos toman a vida con calma. O único que vai a toda mecha en Nápoles é o tráfico.
Pero hai que dicir alto e claro que os conductores napolitanos son os mellores do mundo. Ignoran a axuda que poderían brindarlles os sinais viarios e se apañan co seu propio talento para non atropelar aos peóns nin chocar contra os outros vehículos.
Ao principio dá un pouco de medo cruzar as rúas. "Pero se o semáforo está vermello", pensas, ou "Pero se esto é un paso de cebra coma un mundo, ¿porque non paran, se teño un pé nel?". Pero axiña comprendes que non merece a pena tomar o traballo de calcular nada. Os conductores napolitanos calculan por ti. Cando ven a un jicho cruzando a rúa (semáforo ou non, paso de cebra ou non), esquívano habilmente. Sen pararse demasiado, non vaian entorpecer o tráfico. Non lle pitan xamais a un peón que cruza erráticamente polo medio dunha avenida de catro carriles. Culebrean para evitalo e seguen o seu camiño, tan panchos.


Ante tal pericia, só hai unha actitude posible: séguelles o rollo e, en caso de dúbida, pecha os ollos e tira para diante.

Nápoles, parada e fonda

Nápoles é unha cidade algo raída, pero luminosa e bonita a varrer. Polo que a min respecta, foi amor a primeira vista.


Ainda que ía calor, a brisa do mar facíao moi levadeiro.
Botamos os primeiros sudores mentras buscábamos o hotel que tiñamos reservado, é que resultou estar nun vello pazo do centro da cidade, completamente descascarillado e en obras. En obras desas permanentes. No patio interior, un ascensor chafalleiro e uns veciños de idade provecta botando a partida. A habitación do hotel, mundo Ikea.
A primeira pizza, unha gloria.