Sexta-feira, Dezembro 30, 2005

FELIZ ANO NOVO

E Felices Festas en xeral. Desta non poño foto que se me desestabiliza o ordeñador. E un consello: non deixedes de ler o blog de Suso Lista, cheo de marabillosos contos verdadeiros.

Sexta-feira, Dezembro 16, 2005

Na foto, o camiño hobbit que pasa polo este da miña "posesió".
Ainda non volvín por alí desde que a merquei. Meu pai reclama unha desbrozadora xa, que debe estar rebentado o pobre de darlle ao fouciño.
A propiedade da terra é en Galicia un misterio máis profundo que o da Inmaculada Concepción. Un pensaría que non habendo escrituras de algo, é tolería mercalo. Eu tamén o pensaba. E aquí estou, sen escrituras e tan pancha. Os galegos teñen un enorme talento topográfico de nacemento. Poden esquecer se pecharon o gas ao ir para cama, pero o centimetro exacto dos marcos das leiras propias e veciñas, eso nunca. Así que ainda que os papeis non digan nada, están os veciños para testemuñar que eso é de fulano con todas as da lei.
En fin, como non teño escrituras, terei que aforrar para poñerlle o tellado sen pedir hipoteca (sen escritura non che fan hipoteca), porque é o que me aconsella todo o mundo (incluído Xesús de Landoi, que coñece a casa e anda metido tamén en fregados restauradores). Por certo, Xesús, tes que adoptar o apelido composto, en plan marqués: Xesús de Landoi-Miñeixa. Eu tamén vou ir pensando en algo así. Pura de Cariño-Paradela de Riba. Ou de Baixo, que ainda non está claro. Case mellor me poño de Paradela do Medio, que non existe, pero como aquí che somos tan espléndidos poñéndolle nome aos sitios, pois un máis ben cabe.
A Lula está hipermegamimosa. Esta noite non parou ata que subeu á cama. Quedei de pedra cando se estirou ao meu lado, coma unha persoa talmente, para durmir (e para roncar, a condenada). Non tiven corazón para botala fora. Creo que ás veces esquece que é un can. E o que é peor, eu tamén.
E o tempo segue sendo un noxo.

Quarta-feira, Dezembro 14, 2005

Desbrozar, desbrozarei


Agora resulta que unha das primeiras obrigas dunha propietaria rural é ter unha desbrozadora, porque senón cómente as silveiras. A de cousas que ignoro e vou ter que aprender a toda presa. Estes días estivo o meu pai dándolle ao fouciño para limpar a entrada da casa. Mañán espero poder ir eu. Sacar fotos, que a min un fouciño na man debe quedarme tan ben como a un cristo unhas pistolas. Aquí vos deixo outra foto da casa, a súa ruinosa fachada norte (o porche está mal e o alpendre tamén; o corpo principal da casa non). A que estaba torta era a fotógrafa, eh, non a casa.
A Lula está moi moi pesada e non se deixa quitar a foto co gorriño de Papá Noel.
O tempo, un coñazo. Vento frío, frío. Se vides por aquí abrigádevos ben, que corta.

Vista Noroeste


Esta é a casa vista desde o oeste; como vedes, a fachada norte ten porche a alpendre, moi ben aprobeitables para incorporar á planta da casa. Con forno e lareira de toelo, e mesmo anacos de chan pavimentados por baixo do cemento coa pedra orixinal da casa. Non sei de cando será, pero certamente antes do 1850.
Máis me vale ir mercando unha desbrozadora. A erva seca que se vé ao redor é da finca da casa, que chega aproximadamente ata a árbore en primeiro termo.
A Lula ainda non ten nin idea de canto lle vai mellorar a vida cando poda andar todo o día cheirando ervas e rastros de bicherío.
O tempo, mustio.

Terça-feira, Dezembro 13, 2005

Chámame O'Hara, Scarlett O'Hara


Agora que xa son propietaria dun cacho de terra igual chego a entender eso que lle decía á señorita Escarlata o seu papá irlandés: a terra é o que permanece. Non sei eu. Ainda non abrollou en min a celosa microfundista que toda galega leva dentro. A miña parcela non me dá para saltar valados a cabalo, nin para sementar algodón, nin falta que fai. En realidade o de mercar esta finca é só pola Lula, que precisa espacio vital. E polo hobbits de Landoi, que se sinten moi sos.
Dous con seis ferrados. Casa de pedra. Mirádelle a fachada sul, que mona ela.