Sexta-feira, Dezembro 05, 2008

Andiamo a Ercolano

O tren que fai a Vía Circumvesuviana parece da posguerra. Os asentos destrózanche o cu, morres co calor e os vagóns menéanse como para facer maionesa.
Os napolitanos collen esta liña para ir á praia a Positano e Sorrento. Co calor que facía eu tamén pensei nun momento en cambiar o plan e tirarme ao mar. Pero non me durou o propósito.
Nós queríamos cultura ainda que fora ao precio de cocernos os sesos baixo o sol indecente da Campania.

Herculano está a só vinte minutos en tren desde Nápoles. É posiblemente a cidade mellor conservada do seu tempo. Ainda así, a erupción do condenado Vesuvio do ano 79 deixouna feita un trapo. Metros e metros de barro enterraron a cidade enteira. E crearon unha nova liña de costa: antes Herculano era un porto. Agora o mar está a medio kilómetro.
Na foto pódese ver o Vesuvio ao lonxe. Tan bonito. Tan perigoso. Porque o bicho está vivo, e calquer día lles dá un susto aos comedores de pasta.

Piccola macchina alla porta della casa

E agora, a pregunta do millón. Este cochiño, ¿como chegou aquí e como pensa sair?
¿Ou será que a barra de ferro no medio e medio da rúa é de quita e pon?

La Virgine!!

Esta é unha desas fornelas de devoción que tanto abondan no Barrio Español. Cando morren, os napolitanos van ao ceo fixo, porque teñen no bote a todo o Santoral.

(Coe, repara na forneliña inferior: xa ves que todos os santos italianos están amparados pola luz do neón)

Nápoles, Quartieri Spagnoli


O Barrio Español conserva o trazado en cuadrícula orixinal do século XVI. A maioría dos edificios do barrio resisten ao seu quebranto a base de parches do máis variado estilo: uns azulexos por aquí, un miniporche de uralita plástica por alá, unha cancela de aluminio por acolá...En conxunto, un compacto deseño de supervivencia onde ningún material é innoble.
Din que é perigoso, pero o que nós vimos alí no atardecer do noso primeiro día napolitano foron portas abertas a cociñas atarefadas, roupa tendida, virxes e santos en fornelos por todas as esquinas, e napolitanos en camiseta. E motos, moitas motos, con un, dous, tres e ate catro pasaxeiros, galopando traballosamente polas ruelas. E coches que pasan a toda mecha e pitan nos cruces, porque loxicamente por moi estreita que sexa unha rúa, en Nápoles nunca pode ser de dirección única.

A aventura do tráfico napolitano

Os napolitanos toman a vida con calma. O único que vai a toda mecha en Nápoles é o tráfico.
Pero hai que dicir alto e claro que os conductores napolitanos son os mellores do mundo. Ignoran a axuda que poderían brindarlles os sinais viarios e se apañan co seu propio talento para non atropelar aos peóns nin chocar contra os outros vehículos.
Ao principio dá un pouco de medo cruzar as rúas. "Pero se o semáforo está vermello", pensas, ou "Pero se esto é un paso de cebra coma un mundo, ¿porque non paran, se teño un pé nel?". Pero axiña comprendes que non merece a pena tomar o traballo de calcular nada. Os conductores napolitanos calculan por ti. Cando ven a un jicho cruzando a rúa (semáforo ou non, paso de cebra ou non), esquívano habilmente. Sen pararse demasiado, non vaian entorpecer o tráfico. Non lle pitan xamais a un peón que cruza erráticamente polo medio dunha avenida de catro carriles. Culebrean para evitalo e seguen o seu camiño, tan panchos.


Ante tal pericia, só hai unha actitude posible: séguelles o rollo e, en caso de dúbida, pecha os ollos e tira para diante.

Nápoles, parada e fonda

Nápoles é unha cidade algo raída, pero luminosa e bonita a varrer. Polo que a min respecta, foi amor a primeira vista.


Ainda que ía calor, a brisa do mar facíao moi levadeiro.
Botamos os primeiros sudores mentras buscábamos o hotel que tiñamos reservado, é que resultou estar nun vello pazo do centro da cidade, completamente descascarillado e en obras. En obras desas permanentes. No patio interior, un ascensor chafalleiro e uns veciños de idade provecta botando a partida. A habitación do hotel, mundo Ikea.
A primeira pizza, unha gloria.

Sábado, Setembro 06, 2008

Baía de Nápoles

Luns, 11 de Agosto.
Saimos de Madrid coas primeiras luces do día, afogadas de calor, sen ter durmido apenas nada, entre o bochorno e o madrugón.
Ás oito e media da mañá aterrizábamos en Nápoles. Desde o aire, o golfo de Nápoles xa parece o que é: unha beleza que te deixa tonto.
Tiñan razón os romanos. Ver Nápoles e morrer. Que bo gusto tiñan os jodíos para colocar as súas cidades.

Vacacións


Volvín, ainda que por min, quedaba. A VISA quedou rechumida, e eso que fun ben modesta. Súdanme as mans pensando nos incómodos prazos de pago que me quedan por diante. Pero que me quiten o bailado.
Vouvos facer a crónica da viaxe por entregas. Nun post non cabe todo, compañeiros.
Na foto, as nosas mochilas feitas. A pequena é a miña, a grande a da miña amiga Irene. Asegúrovos que na miña (que é desas que levan os nenos á escola) cabía perfectamente todo o que un ser humano con capacidade recicladora precisa para estar quince días de verán por aí.

Sexta-feira, Julho 11, 2008

Casa

Agora que se desmontou a terra para ver como están as paredes da casa, parece máis grande.

Terça-feira, Junho 17, 2008

Carballo


Este carballo debe ser americano, porque medra moito. Hai dous anos que puxen a landra nunha maceta, e aí o tedes ben xeitoso. Teño que buscarlle o sitio adecuado en Landoi, para plantalo alí cando chegue o momento. Admítense suxerencias.

Quinta-feira, Junho 05, 2008

Proximamente...en obras

O de proximamente é un concepto amplo. Pero o caso é que hoxe por fin levaron uns cantos camións de pedra e terra para facer o acceso á casa de Landoi. O desnivel era máis grande do que parecía.
Mañá retirarán parte da terra do redor da casa para ver como está a cousa e calcular o presuposto. E despois deso, a hipotecarse con alegría, deus mediante.

Terça-feira, Junho 03, 2008

Lugo


Se foron e son capaces de construir no entorno da muralla de Lugo de maneira tan ruín, ¿que non serán capaces de facer en Cariño?

O plan de urbanismo noso é unha burrada. Unha cousa é que cando non había Plan se fixeran burradas e cousas feas como se fixeron (e non sinalo co dedo acusador a ningúen porque na miña familia non estamos libres de pecado). Pero que logo se aprobara un plan que permitía alturas de 4+1 pisos en moitas partes de Cariño, xa me parece unha barbaridade. Ao mellor no seu momento non nos demos moita conta, pero agora é evidente. ¿Está Cariño máis bonito que hai cinco ou sete anos? O que diga que si, que me perdoe pero ten o gusto no cú.
Se agora van retocar o plan para adecualo a novas normativas, tamén podían retocalo para impedir que se sigan facendo tochos.

Quarta-feira, Maio 28, 2008

Sigue chovendo


Unha recomendación dixestiva. Caro pero delicioso.